Día das letras Galegas 2017

                                          ¡¡¡¡WIII!!!!
¡¡¡Boas!!! Feliz día das letras galegas a todas e a todos vós. Este ano 2017 o homenaxeado é Carlos Casares; autor de numerosos ensaios, de literatura xuvenil e infantil. Hoxe traiovos un pequeno fragmento de Vento Ferido unha das obras de Carlos Casares, ademáis de un poema de Rosalía de Castro; unha das figuras máis importantes do rexurdimento e da literatura Galega en xeral. Ah! E tamén un pequeno texto escrito por mín. ¡¡Feliz día das letras!!

Vento ferido (O outro verán) de Carlos Casares

As parellas bailan, xiran, móvense lentamente, enfeitizadas co ritmo da orquestra, que toca, sen descanso, dona do ambiente, dona dos corpos xa. E ela mira, mira entre todos unha vez máis. Non ha tardar moito en saber que alí non atopará nada, pero aínda lle queda unha pequena esperanza. (...)

E entón afumégaselle o pensamento, entre bágoas que non chora, pero que lle petan nos ollos, afumégaselle o pensamento e xa non sabe que está no baile da Alameda e que agarda algo, case que sen ganas, pero agarda, agardará un pouco aínda, un pouquiño só, antes de que se lle morra para sempre  esa lene esperanza que leva dentro. Esquézese de todo e o mar chámalle na lembranza, chámalle con forza. (...)

A música xira e ela xira e as prellas xiran. Cada volta que dá mira entre a xente, mira por última vez, porque agora sabe xa que por moito que agarde, él non virá.

Follas Novas (Vagedás. ¡Silencio!) Rosalía de Castro

A man nerviosa e palpitante o seo,
as niebras nos meus ollos condensadas,
con un mundo de dudas nos sentidos
i un mundo de tormentos nas entrañas,
sentindo cómo loitan
en sin igual batalla
inmortales deseios que atormentan
e rencores que matan,
mollo na propia sangre a dura pruma
rompendo a vena hinchada,
i escribo..., escribo..., ¿para qué? ¡Volvede
ó máis fondo da ialma,
tempestosas imaxes!
¡Ide a morar cas mortas relembranzas!
¡Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras, e palabras!
Da idea a forma inmaculada e pura
¿dónde quedóu velada?



Unha lingua para cada realidade (O meu texto)

Resulta que cada lingua describe unha realidade única e diferente. Quizáis por eso teñamos mil formas diferentes de dicir que chove. Porque as veces chove, outras orballa e de cando en cando hai xiada. E non volo ides crer, pero o día que descubrín que nin colo nin reseso existían en castelán unha parte de mín morreu. A mín que alguén me explique como dicir "reseso" en castelán porque "revenido" é unha plabra que me nego a usar.

E ao final só aprecias o que tes cándo o deixas escapar, pero eu hai cinco cousas ás que me nego a renunciar. Que ninguén me quite o mar, o verde de Galicia, a comida, as verbenas ou a aldea porque entón sí que morro de pena. É que non hai ningún  sitio como a casa, e a morriña que te invade cándo estás lonxe dela non se pode comparar a ningunha outra pena. 

Sabedes? Cos anos dinme conta de que a lingua é unha parte fundamental da túa esencia; do que es, de como actúas, de cómo sintes. E poder sentir, falar e pensar en dúas linguas é o maior privilexio que a sorte me poido dar. Porque ás bolboretas son máis bonitas se se chaman bolboretas, os recunchos máis segredos, as verbas máis fermosas, os aloumiños máis doces e os luscofuscos máis máxicos. Porque o que somos, a realidade que vivimos... todo e moito mellor se temos unha lingua propia coa que dicilo. 

Frase do día: "Nin en soños vou perder eu a miña lingua." (Made in Galiza de Sechu Sende)

Ata a próxima!!!

Comentarios

  1. Pois non che sei moi ben que dicir. Moi bonito, moito, moito.
    Direi que en maio ainda a vella queima o tallo, e que ate o cuarenta de maio non te quite-lo saio...ou algo así porque isto é tradición oral e ao mellor non o pillei moi ben. O pan reseso é moi bo para as morcillas, porque absorve moito... liquido.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Jo, Moitas grazas.
      Os refráns valen para todo, queda xa demostrado. Onde máis mola o pan reseso é nas torradas ou na torrilla de pan non che estou moi segura...

      Eliminar

Publicar un comentario