UNHA REFLEXIÓN SOBRE "O QUE ARDE" DE OLIVER LAXE

OS INCENDIOS FORESTAIS: TODOS SOMOS CULPABLES?

É evidente que para Oliver Laxe a resposta a esta pregunta é un contundente: SÍ. A súa última película; “O que arde”, expón de maneira visual, sutil e en ocasións case bordeando o límite do imperceptible todos os motivos que el ve nos incendios forestais.

O cineasta deixa clara a súa postura dende o momento no que o primeiro plano da película son dúas máquinas xigantes, impoñentes, arrasando cun bosque de eucaliptos; que, ademais, son unha especie foránea con moita popularidade en Galicia polo seu rápido crecemento e que, ao contrarios que os carballos, propagan o lume con moita facilidade.

Os incendios convertéronse nunha responsabilidade colectiva pois son xa un problema a nivel  social; non só afectan á paisaxe e á beleza da nosa terra senón que o lume leva intrinsecamente asociada a morte e, por se iso non fora suficiente, vivimos nun momento histórico no que a conciencia ecoloxista e climática é unha necesidade. Os bosques son o pulmón do planeta e para que non deixemos de respirar precísase unha solución. O primiero paso para erradicar un problema é localizar a súa orixe; pode que sexa por iso que en palabras de Oliver Laxe “o pirómano é unha figura demonizada”. Para decatarnos de que os pirómanos só son un eslavón da cadea de causas non necesitariamos máis que citar o incendio do Amazonas do verán pasado: Debido a causas políticas.

O gañador do festival de Cannes aborda como un dos eixos centrais do filme o despoboamento do rural e afróntao como un dos culpables do lume. Certamente as aldeas están cada día máis valeiras, o maior número de oportunidades laborais reside nas cidades e a vida de éxito que nos venden en cine, tele ou literatura reside na urbe. A xente desaparece e a maleza crece. A nivel político os gobernos teñen predisposición a escoitar ás multitudes; que é onde están os votos, e iso leva a unhas políticas forestais pésimas onde queimar o monte se converte nunha morea de billetes.

Non podemos eximir ao pirómano da súa parte de culpa; pero Amador xa cumpriu coa súa pena e semella que todas as chamas dos terreos que se recalifican, das vinganzas persoais, dos accidentes, dos montes que se descoidan, dos traballadores que queren  un mes mais de soldo... Toda responsabilidade cae en riba dunha soa persoa.
O lume é fermoso e cruel e, se non queremos que o vermello na paisaxe se converta nunha fotografía habitual, todos debemos recoñecer a nosa parte de culpa porque o que estea libre de pecado que lance a primeira pedra.

Resultado de imagen de o que arde

Comentarios